Saturday 20 de April de 2024

A Xunta e os Colexios Oficiais de Graduados Sociais de Galicia porán en marcha un servizo de orientación xurídica-laboral para asesorar á cidadanía


― A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, asinou hoxe cos tres colexios (A Coruña-Ourense, Lugo e Pontevedra) o convenio de colaboración para desenvolver esta iniciativa que será gratuíta e se ofrecerá nas sedes das tres entidades profesionais

― Resolverá consultas no eido das relacións laborais relacionadas coas prestacións contributivas e non contributivas, conflitos ou aspectos vencellados á igualdade no entorno de traballo, entre outros

― Lorenzana pon en valor o traballo conxunto da Administración autonómica cos colexios oficiais de graduados sociais na tramitación dos plans de rescate ou cos Expedientes de Regulación Temporal de Emprego (Erte)

A Xunta e os tres colexios oficiais de graduados sociais de Galicia (A Coruña-Ourense, Lugo e Pontevedra) porán en marcha un servizo de orientación xurídica-laboral que de xeito gratuíto prestará asesoramento á cidadanía no eido das relacións laborais. A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, e os presidentes dos tres colexios (Susana Soneira do colexio da Coruña-Ourense; Manuel Núñez de Lugo e Remedios Copa de Pontevedra) asinaron hoxe un convenio de colaboración para levar a cabo esta iniciativa, que se desenvolverá nas sedes dos tres colexios e coa que se pretende achegar información e mellorar a orientación e o asesoramento aos cidadáns galegos en materia laboral.
A oficina atenderá consultas relacionadas con diferentes temáticas como son, por exemplo, as prestacións contributivas e non contritubitvas, conflitos ou dúbidas no marco das relacións laborais. Ademais, esta orientación estenderase a outros aspectos vencellados á iguladade no entorno de traballo: á non discriminación por razón de ningún tipo e á identificación e denuncia do acoso sexual, entre outros. En palabras da conselleira, trátase de “promover unha realidade social e empresarial máis xusta e garante de dereitos e oportunidades”.

Lorenzana destacou que esta iniciativa supón “un paso máis na moi necesaria visión integral das relacións laborais” e un exemplo máis do traballo conxunto que a Xunta está a realizar cos colexios oficiais de graduados sociais para artellar accións que melloren as condicións laborais do mercado de traballo de Galicia. Neste senso, puxo como exemplo o labor conxunto realizado no desenvolvemento dos plans de rescate para traballadores autónomos e microempresas ou o apoio prestado na tramitación dos Expedientes de Regulamento de Emprego (Ertes).

“O traballo conxunto e cooperativo entre traballadores, empresarios, profesionais e administracións resulta imprescindible para acadar unha cultura que goze dunm maior benestar organizacional e social”, rematou.